Monday 16 de September de 2024

A VI Subida á Curota realizarase no 7 de outubro


Ciclistas e corredores teñen unha cita na Pobra do Caramiñal coa VI Subida á Curota que terá lugar no 7 de outubro. Reúne a modalidade de atletismo (carreira a pé) que abrangue da categoría sub-18 ata a máster; e a de ciclismo, que se divide do seguinte xeito: BTT (máster 30, máster 40 e máster 50) e bicicletas de estrada (cadete, júnior, sub-23, elite, máster 30, máster 40 e máster 50).

Trátase dunha proba que estima a participación de máis de 200 deportistas que deberán completar unha distancia de 9 quilómetros nun circuíto que ten como lugar de saída a praza Alcalde Segundo Durán e a meta na Curota.

Inaugúrase así o calendario de competicións no outono, segundo indica o concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido, quen engade que será unha época na que non minguará o dinamismo deportivo e se seguirá promovendo a actividade física. O edil agradece tamén o labor da Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza e da Federación Galega de Atletismo, organismos promotores xunto coa Administración local, ademais da colaboración de Sport Bike e do Motoclub SinFrenos; recoñecemento que fai extensible ao dispositivo que velará pola seguridade, integrado pola Garda Civil, Policía local e Protección Civil.

As saídas efectuaranse a partir das 17.30 horas para a BTT -cada medio minuto, unha persoa participante-, ás 18.15 horas para a carreira a pé -conxunta- e nas 18.15 horas para as bicicletas de estrada -cada minuto, unha persoa participante-.

Unha vez concluído o evento deportivo, os e as deportistas serán trasladados en autobús ao lugar de saída para proceder á entrega de trofeos ás tres primeiras persoas clasificadas por categorías, así como ao repartimento de 1950 euros en premios económicos ós tres mellores tempos en carreira a pé, bicicleta de estrada e BTT.

As inscricións realizaranse a través da páxina web www.emesports.es, por un importe de 6 euros, ata as 23.59 horas do 5 de outubro.